Imprimir y PDF

Tres adegas, tres visións da Ribeira Sacra - PARTE 1

24/10/2024

Tres adegas, tres visións da Ribeira Sacra - PARTE 1

A Ribeira Sacra, coa súa distintiva viticultura en socalcos e a súa conexión coa paisaxe fluvial, é unha Denominación de Orixe de referencia en Galicia. Actualmente, conta con 98 adegas activas que representan a diversidade e vitalidade do seu sector. Neste reportaxe, tres adegueiros de perfís moi diferentes comparten as súas perspectivas sobre a vendima actual, a evolución do sector e os desafíos futuros.

Evaristo Rodríguez, un dos impulsores orixinais da Denominación de Orixe, encarna a tradición e o profundo arraigamento a este territorio. A súa adega consolidada é testemuño dunha vida dedicada á viticultura, marcada polo respecto á terra e o traballo constante. Dende os seus primeiros pasos ata a actualidade, a súa traxectoria reflicte a evolución da D.O. e a transformación da Ribeira Sacra nun referente do viño galego.

Mauricio Lorca, adegueiro arxentino que vende máis de 4.000.000 de botellas ao ano, con ampla experiencia internacional, trouxo a súa visión global ao panorama vitivinícola da Ribeira Sacra. O seu enfoque combina a comprensión dos mercados internacionais co respecto polas características locais, o que lle permite explorar novas oportunidades de proxección para os viños da D.O. A súa presenza achega unha perspectiva diferente, centrada na internacionalización e o recoñecemento global dos viños desta zona.

Por último, Gema Campos representa a xuventude e a nova xeración de viticultores. Xunto co seu irmán, decidiu dar o salto á profesionalización, un paso natural tras anos de tradición familiar. Para eles, o proceso de vendima ten un significado renovado, cheo de posibilidades e desafíos. A súa visión, centrada no futuro e no aprendizaxe constante, reflicte o dinamismo dos novos proxectos que están xurdindo na Ribeira Sacra.

A todos eles formulóuselles as mesmas preguntas sobre o presente e o futuro da Ribeira Sacra, e estas son as súas conclusións.

Vendima 2024

Ao falar sobre a vendima deste ano, todos coinciden en destacar a magnífica calidade das uvas, que permitirán crear excelentes viños. Neste sentido, Evaristo sinala: "Pois eu, que levo xa bastantes colleitas, ata agora diría que foi das mellores da historia". Nas palabras de Gema: "eu hai moito tempo que non lembro ver acios así, eran para enmarcar, estaban perfectos".

As entrevistas tiveron lugar durante as primeiras choivas que afectaron a vendima no mes de setembro. A respecto das mesmas, aínda que existe o temor á aparición de botrite e a consecuente perda de calidade da uva, ata o de agora óptima, e a necesidade dunha vendima máis rápida, destaca a opinión de Mauricio: "Eu entendo que o produtor que estea ben sanitariamente non debería ter maior problema polas choivas".

Os viños típicos da Ribeira Sacra adoitan ser viños frescos do ano. Evaristo indica que na D.O. "creo que temos unhas condicións de viños que hoxe demanda o mercado mundial, que son eses viños frescos, froiteiros, con estrutura, pero non pesados".

Aínda así, a pesar do anterior, os tres adegueiros tamén apostan por viños de maior complexidade, de garda en barricas de madeira, de parcela e con maior innovación, como no caso de Gema que di: "este ano imos sacar un novo, que é un mencía fermentado e con garda en formigón". Neste sentido, Mauricio destaca que estar presente na Ribeira Sacra "é como ter o teu mini laboratorio, de elaboración, probar cousas, ir vendo... iso é o que máis me arraiga. A oportunidade de facer viño doutra maneira, moito máis artesanal, máis ancestral, e tentando capitalizar este sistema de parcelas tan pequenas onde podemos sacar tantas cousas diferentes".


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.