Imprimir y PDF

Tres adegas, tres visións da Ribeira Sacra - PARTE 2

24/10/2024

Tres adegas, tres visións da Ribeira Sacra - PARTE 2

Futuro das adegas


Cando se lles pregunta sobre o futuro das adegas na Ribeira Sacra, os tres entrevistados dan unha visión similar en trazos xerais, aínda que con perspectivas diferentes. Todos fan mención á necesidade de buscar unha maior calidade que atraia as demandas do mercado, así como a importancia da internacionalización.

En canto ao primeiro, Gema destaca: "é importantísimo ter unha boa uva, un viño coidado con moita calidade, pero ao final o que nos distingue doutras zonas, son os viñedos en socalcos, esa viticultura heroica... hai que dar a coñecer máis a zona, contar máis a historia de cada viño". Pola súa banda, Mauricio explica que cando chegou á Ribeira Sacra e coñeceu o lugar "atrapoume a contorna, a paisaxe e a potencialidade dos viños, que son viños bastante singulares e únicos no seu estilo. A combinación do clima atlántico, o río, as pendentes, os tipos de solo, as orientacións. É moi difícil atopar outra zona vitivinícola no mundo que teña todo iso nun só lugar".

E é que quizais é esa paisaxe a que marca tamén o camiño a seguir. Nas palabras de Evaristo "aquí non se pode xogar a medrar en volume senón a medrar en calidade e en singularidade".

O que parece que tamén une aos tres adegueiros entrevistados é que o viño xoven que se fai na D.O. non é sinónimo de falta de calidade. Mauricio resalta respecto ao mesmo: "non ten que ser un viño simple, ten que ter as súas complexidades, ten que ter os seus atractivos". No mesmo sentido Evaristo sinala que os da Ribeira Sacra "son solos moi interesantes, hai que conseguir que iso se exprese nas botellas. Non hai que perder certa estrutura, certa capacidade de duración no tempo e que sexan viños frescos non quere dicir que teñan que ser viños simples".

E é que non se pode negar que a Ribeira Sacra loita cunha dificultade, e é que o mercado parece demandar viños brancos por enriba dos tintos. Segundo Evaristo "esta é unha denominación de viños tintos e que tamén ten que facer algún tipo de cambios". E é neses cambios nos que parecen diferir as visións dos entrevistados.

Por unha banda atopamos a Gema e a Evaristo. Este último indícanos: "nós queremos equilibrar tamén un pouco máis a relación tinto-branco-rosado, é dicir, irnos un pouco máis a brancos e a rosados pero sen perder a esencia da uva tinta porque temos unhas variedades extraordinarias e creo que non podemos perder tampouco ese potencial". No mesmo sentido, Gema apunta, respecto ás súas viñas de herdanza familiar, "temos máis viñedos de tinto, entón, por conseguinte elaboramos máis tinto, pero non descartamos o branco. De feito, facemos un godello e a idea é aumentar un pouco a produción de godello".

Unha visión algo diferente respecto a esta denominada "crise do viño tinto" achégaa Mauricio. "Eu creo que o viño tinto ten unha crise de calidade e de estilo, non ten unha crise de consumo. O problema do viño tinto é que á xente non lle gusta porque está elaborado dunha maneira que non é atractiva... eu creo que o viño tinto sempre vai ser “o viño”. É moito máis maridable, moito máis combinable, é un viño que ten moita máis complexidade e ten moito máis desafío dende o punto de vista enolóxico. Se miras a nivel mundial cales son os viños máis caros do mundo, son sempre tintos, non son brancos. Eu creo que o que hai que facer é traballar máis no estilo, na forma de presentar o viño e neses atributos que hoxe o mercado si demanda".

Seguindo co anterior, Mauricio engade que "despois hai unha oportunidade moi grande, que nós xa estamos traballando, de viños de alcol un pouco máis baixo, onde o mercado hoxe o demanda. Viños de terraza, viños de grolo longo, como se di aquí en Galicia, que se vas ao After Office de Inglaterra consómense. Hai un montón de lugares onde hoxe se están tomando este tipo de viños. Nós xa estamos con esa liña, xa a estamos lanzando, e é mostrar unha cara da Ribeira Sacra de viños frescos, froiteiros e fáciles de beber, porque aí xa non importa se é branco ou é tinto, é un segmento, unha categoría que seguramente vai ter éxito".

E é que parece que todos coinciden, dende diferentes momentos empresariais, na necesidade de internacionalización. Evaristo explícanos que "xa temos mercado exterior en varios países, pero cremos que si hai demanda internacional e que hai campo de xogo... en viños tintos eu creo que é das mellores zonas, sen dúbida, de Galicia".

Por último, no caso de Gema, con dous anos de experiencia profesional tras abrir a adega, aínda non deron o paso ao mercado internacional, aínda que teñen a intención no futuro. Na súa experiencia aínda se atopan lidando no mercado nacional e coas dificultades dos mozos emprendedores. Así, explícanos que "agora mesmo hai moitísimas adegas, tanto a nivel Ribeira Sacra como outras denominacións, entón hai moita competencia. E que che fagan un oco é complicado. É un pouco manter a moral. Ir e volver e volver ata que realmente aposten un pouco por ti, probasen o teu viño e vexan que realmente paga a pena, que estás facendo unha cousa boa e pola que merece a pena apostar".

Futuro da Denominación de Orixe

Cando se lles pregunta aos adegueiros entrevistados acerca de como ven o futuro da Denominación de Orixe, as súas respostas sitúanse en coherencia co exposto anteriormente. Evaristo resúmenos os puntos clave no que el denomina tarefas pendentes da D.O.: axudar á internacionalización dos viños da Ribeira Sacra, a produción de viños de calidade que se acompañen dun prezo acorde e a profesionalización de todos os sectores implicados.

Neste sentido, dinos "hai que saír ao mercado exterior. Aquí hai moita adega moi pequeniña que non ten moita capacidade de saír e para iso a D.O. ten tamén como asignatura pendente o traer aquí a grandes coñecedores do viño, comercializadores, que vexan o lugar e a zona".

En relación con isto, chaman a atención as palabras de Mauricio falando sobre a súa experiencia: "Nós tratamos de ser máis abertos nese sentido e tentar colocar os nosos viños noutros mercados por razón comercial, de prezo e tamén posicionamento de marca. Tes que ser alguén recoñecido no teu lugar, onde exerces a túa actividade, pero é moi importante ser recoñecido onde compiten os demais. A min gústame a idea de ir a Londres, vender os nosos viños. Alí véndese Australia, Nova Zelandia, Sudáfrica, Francia, Italia, España... véndense todos. Entón, é como que é un gran desafío, porque tes que ter unha supercalidade e prezo acorde a esa calidade".

E é que o prezo ligado á calidade parece ser un punto no que todos están de acordo. Evaristo engade "hai que darlle un cambio profundo a esta denominación dende a propia comunicación. Non podemos facer unha comunicación baseada en viño de alimentación. A alimentación non hai por que evitala, pero a comunicación que hai que facer é dos viños de máis calidade. Moitas adegas están facendo viños de gama alta moi valorados no mercado".

Respecto a isto, Gema engade que elaborar o viño na Ribeira Sacra "é un traballo moito máis artesanal que noutras denominacións". E iso debe reflectirse no prezo: "cando algo se fabrica nunha fábrica ou en gran escala é moito máis económico que o traballo dunha persoa, dun artesán. E co viño creo que é un pouco o mesmo. Nós estamos máis centrados nun público que valore máis o viño. Tamén ao ser unha adega pequeniña tes que facer un produto máis subido de prezo".

Nas palabras de Mauricio: "o nicho de mercado é para un hand seller, ou sexa, a persoa que vai coas mans e mostra a botella. É o tipo de distribuidor para estes viños: distribuidores que teñen un concepto claro e entendido de que a produción é limitada e só chega a determinados restaurantes, tendas de viños moi especializadas, de xente que entende o que vai tomar e que entende o que vai comprar e o que vai vender, non é masivo, ou sexa, isto non é para liñais". Engade que o viño Ribeira Sacra "é para determinados clientes no mundo, non é para todo o mundo".

Pero esta profesionalización debe ir acompañada de todos os sectores implicados. Así, Evaristo, nas tarefas pendentes engade a de "profesionalizar un pouco ao pequeno viticultor, é dicir, facer uva de calidade controlando esencialmente as producións". E neste sentido engade "eu creo que esta D.O. ten agora mesmo un momento delicado. Todos os que estamos implicados nela temos que facer unha reflexión e unha recondución da propia Denominación".

Gema engade: "No noso caso, ao producir nós practicamente todo o que elaboramos, compramos a familiares e amigos próximos, moi pouquiña uva. Entón non sabería moi ben falarche da situación a un nivel máis global, pero sen dúbida é algo que hai que ter en conta. A Ribeira Sacra sen os pequenos viticultores non é nada, entón hai que coidalos".

A ninguén lle escapa neste contexto a denominada crise dos viticultores. Aínda que diferente é a visión de Mauricio a respecto disto: "eu creo que é máis un problema de que non lle atopamos a solución á parte comercial. Un problema dun millón, un millón e medio de quilos. Non o vexo un problema grave porque non son millóns e millóns e millóns de quilos de uvas". E engade "si hai que entender isto que falabamos antes, o nicho comercial, a onde temos que vender o produto. Temos que mentalizarnos todos os produtores da Ribeira Sacra que o viño ten que saír de Galicia, ten que venderse noutras partes de España e tamén ten que venderse no estranxeiro, iso vai descomprimir e automaticamente o problema dos viticultores está resolto. De feito, de onde eu veño, ter produto para vender é o máis importante, ou sexa, eu creo que non podemos lamentarnos por ter produción, o que temos que facer é enfocar ou reenfocar ben a parte comercial".

Parece dar pé ás anteriores conclusións o que indica Evaristo: "eu lembro que ata agora aquí a uva buscábase afanosamente porque se comercializaba sen ningún problema. Dende o COVID creo que houbo certos cambios no mercado e dende logo xeráronse uns excedentes que existen neste momento e que aos viticultores lles repercuten. Por iso os viticultores e as adegas temos que ter unha relación moi de amizade e de camiñar no mesmo sentido". Segundo Evaristo "hai que reenfocar un pouco a produción en canto a variedades. Pero tampouco é pasar a páxina absolutamente senón, a base de diálogo e forzando á administración a que bote unha man, reenfocar e volver a ter unha relación de absoluta amizade".

Sexa como for, os adegueiros entrevistados amósanse optimistas en canto ao presente e ao futuro da Ribeira Sacra. Entenden que é un momento de cambio, pero sobre todo de moita potencialidade. Tras as palabras durante esta entrevista, nótase o cariño e o orgullo de pertencer a unha D.O. tan especial como a da Ribeira Sacra, onde se está a formar un cambio incluso xeracional.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.