Imprimir y PDF

â??Son viños sorprendentes, imos ter unha anada para gozarâ?, Antonio Raluy

27/02/2019

O pasado 22 de febreiro o Centro Sociocultural de Paradela acollía a Cata de Cualificación da colleita 2018. Estas catas, que teñen carácter anual, teñen como obxectivo establecer unha valoración media da última colleita, para que o consumidor saiba como serán os viños que se atopará no mercado.
A puntuación da anada 2018 foi de 8,1, o que dá como resultado final, EXCELENTE. A mesma valoración que obtivera a colleita 2017 e a de 1999. O resto de colleitas da Denominación obtiveron a cualificación de MOI BOA, a excepción do primeiro ano que se celebrou Cata de Cualificación, o 1996, onde a colleita do 98 foi cualificada como BOA.

Cata Calificación

Mateo Seoane Corral, da Asociación de Sumilleres de Gallaecia, e membro do panel de cata sinalaba, “Estas catas serven de referencia para o consumidor, son unha garantía e marcan o nivel de esixencia das adegas para que aos poucos vaian mellorando e obter mellores valoracións. Así os elaboradores tamén teñen un feedback que lles permite coñecer un pouco o gusto dos catadores, que ao final representamos o gusto do mercado e do consumidor. É unha segunda opinión, que penso que achega valor á Denominación de Orixe, á variedade e aos elaboradores”. Sobre os viños catados destacaba, “Apréciase a variedade, o frescor, o potencial que ten a Denominación de Orixe. Unha calidade, que se nos remontamos a hai 10 anos, vese que a evolución é moi positiva. Todos os viños de Ribeira Sacra teñen esa froita e esa frescura propia dos chans onde nacen, a orografía, a climatoloxía… Son viños que non están pasados de grao alcohólico, teñen esa punta de acidez que os diferenza do resto de viños do panorama nacional.”
Outro dos integrantes do panel de cata, Xesús Verao Pérez, membro, ademais, do panel de cata do C. R.D.O.R.S. destacaba “Son viños, que a estas alturas do ano están moi equilibrados, cun tanino ao que se lle ve maduración e en nariz véselles frescura, agradables, na liña que está a Denominación, ultimamente.”

Mateo Seoane e Xesús Verao

O panel de cata valoraba 10 referencias nunha cata cega. Catábanse 2 referencias por cada unha das 5 subzonas da Denominación (Amandi, Chantada, Quiroga- Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil). En cada subzona cátase unha mostra representativa dunha das adegas de máis produción e doutra das de menos. O 80% das mostras pertencen a “viños de rama”, recollidos en depósito e o resto son viños que xa están no mercado.    
A este respecto, Antonio Raluy, da Asociación Galega de Catadores, referíase ao agradable que é poder catar viños en febreiro e explicaba a boa evolución dos viños da Denominación. A piques de comezar as Feiras de Viño, que en Ribeira Sacra ábrense a segunda fin de semana de marzo coa celebración da 37 Feira do Viño de Chantada, Raluy suxería que “Son unha boa oportunidade para probar algúns viños coa etiqueta diante para ver o que nos deparan, igual levamos algunha sorpresa negativa, pero a maioría serán positivas.” Sobre os viños catados na Cata de Calificación sinalaba “Son viños sorprendentes, no sentido que notabas unha estrutura e un frescor, a estas alturas do ano, moi interesantes. Dá a impresión de que nos vai a levar a unha anada para gozar. Esa frescura adiántanos un futuro esperanzador.”
Pola súa banda outro dos catadores e experto en Análise Sensorial de Viños, Alfonso Losada, apuntaba, “Foi un ano no que houbo enfermidades criptogámicas do viñedo, pero a colleita que se conservou, madurou moi ben nas últimas etapas e fai que deamos esta puntuación de EXCELENTE”.
Sobre a evolución que está a ter a Denominación de Orixe destacaba “Ao longo dos anos que levo catando, levo moito tempo nisto, é unha valoración sempre positiva. As elaboracións foron mellorando, é moi difícil atopar actualmente un viño que teña algún defecto, algunha cousa rara. Son viños que sempre están moi ben e que gustan ao consumidor.

Antonio Raluy

O panel de cata completábano:

  • Jesús Rodríguez Carreiras, membro da Asociación Vitislucus, Expertos en Análise Sensorial e Enoturismo e Profesor de Servizos en Restauración na Escola de Hostelería de Lugo "IES Sanxillao"

  • Argimiro Levoso Touceda, membro da Asociación Galega de Enólogos

  • Francisco Javier Rodríguez Medela, membro do panel de cata do C.R.D.O.R.S.

  • José María Martínez Alonso, membro do panel de cata do C.R.D.O.R.S.

  • José María Martínez Matos, membro do panel de cata do C.R.D.O.R.S.

  • Juan Angel Martínez, membro do panel de cata do C.R.D.O.R.S.

Panel de Cata


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.