Imprimir y PDF

“Agora mesmo só se pensa na vendima”, asegura José Manuel Rodríguez, Presidente C.R.D.O.R.S.

28/08/2020

O pasado 26 de agosto comezaba a vendima na D.O. Ribeira Sacra ao anunciar a adega Ronsel do Sil da subzona de Ribeiras do Sil, que iniciaba os traballos de recollida de uva de variedades puntuais. Mentres o persoal técnico do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra realiza os controis de maduración para fixar o inicio recomendado da vendima, inicio que se prevé para mediados do mes de setembro, segundo comenta o Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.


Controles de maduración

Como se afronta a vendima despois das choivas da pasada semana?  

En principio ben; nalgúns puntos houbo un comezo de botrite pero ao chegar o bo tempo rápidamente estabilizouse. O ano pasado tivemos unha vendima de record con máis de 7.000.000 de quilos de uva recolleitos, e este ano esperamos estar un pouco por baixo dun ano normal nos que adoitamos superar os 6.000.000 de quilos, roldaranse os 5 millóns. A uva está nun bo estado sanitario e esperamos unha boa vendima.

Que directrices marca a D.O. para unha vendima coa pandemia da Covid19?  

Todas as adegas poñerán en marcha un protocolo que recolla as directrices da Xunta. A norma marco é o decreto da Xunta; a partir de aí
Consello, adegas, vendimadores,… teñen que elaborar un protocolo cada un para a súa empresa, para a súa realidade. O Consello seguirá desenvolvendo as súas tarefas de control, será un control menos presencial, con máis control en viña e menos visitas a adega; adaptándonos á realidade que estamos a vivir. O departamento técnico do Consello puxo en marcha un protocolo para adaptarse a esta realidade e o persoal do Consello desenvolverá o seu papel, ben administrativamente ou ben con traballo de campo.

Os prezos da uva manteranse estables?  

As adegas máis grandes dixeron que ían manter o prezo do ano pasado e manter a recollida aos seus clientes; así que pagarase entre 1,10 €/quilo 1,30 €/quilo dependendo das zonas e das calidades.

Vendimia en Ribeira Sacra

Coa pandemia, a suspensión de Feiras do Viño e de exposicións e de feiras nacionais e internacionais, como foron as vendas de viño?  

Estamos razoablemente ben. A suspensión de actividades e feiras foi unha cuestión xeral, non nos repercutiu nin mellor nin peor que a outras Denominacións. Esta é a realidade que vivimos.
En canto ás vendas cada adega ten a súa realidade ao ter mercados diferentes, algunhas exportan, outras non. Houbo xente cos mercados máis abertos e outros menos. As adegas grandes teñen máis espazos abertos, con máis posibilidades que en alimentación. Outras adegas que están principalmente na canle HORECA pásano un pouco peor porque teñen menos saídas.

Nun ano tan complicado a todos os niveis e en todos os sectores pénsase xa no ano que vén ou estase á expectativa para ver que pasa coa Covid19?  

Agora mesmo só se pensa na vendima. Isto é ao que temos que atender agora; é coma se fose un parto e hai que concentrarse neste parto. Despois pensarase no que haxa que pensar.
 

Desde que comezou a pandemia como é o día a día do C.R.D.O.R.S.?  

A Denominación seguiu facendo o seu traballo, noutros formatos; pero en xeral todo se mantivo adaptándonos sempre a unha situación cambiante. Para garantir a seguridade traballamos cun protocolo que hai que manter, pero o traballo non espera. Agora concentrados nunha vendima para a que esperamos tempo seco e noites frescas, mentres miramos con respecto a situación en Monforte.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: