A "Irmandade dos Centros Galegos en Euskadi" viña celebrando o Día de Galicia en Euskadi coa organización das Catas Concurso dos Viños Tintos e Brancos Galegos. Coa pandemia, o ano pasado suspendéronse estas actividades e este ano as circunstancias sanitarias permitiron a celebración dunha das catas. Así, o 18 de setembro celebrábase na Casa de Galicia en Bilbao a XXII Cata dos Viños Brancos Galegos que organizou este centro.
Participan deste concurso viños de todas as D.O. galegas e os viños da D.O. Ribeira Sacra adoitan facerse con recoñecementos, principalmente na cata do viños tintos. Nesta ocasión recibe accésit en brancos 1904 Adega Vella (Godello 2019). Os sumilleres que forman o xurado deste concurso destacaron o gran nivel dos viños presentados.
O taboadés, José David Fidalgo, promotor deste concurso, xunto con José Antonio Rodríguez, presidente da Casa de Galicia en Bilbao, acudían á Ribeira Sacra para entregar o premio á representante de Adega Vella.
Con estas cata-concurso, os centros galegos en Euskadi pretenden promocionar os produtos galegos e, en particular, os viños galegos. Para a súa celebración agradécese a colaboración das adegas participantes e dos diferentes Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe do Viño en Galicia.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España