Imprimir y PDF

A casa de todos

Ven de abrir as súas portas o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra

13/02/2009

O Centro de Interpretación da Ribeira Sacra ubicado na antiga casa consistorial de Monforte pode ser visitado dende esta semana, despois de que a pasada semana fose presentado aos medios de comunicación e corporación.
Este lugar acolle a sede do Consello Regulador que xa viña traballando na nova ubicación dende comenzos de mes. Aquí o Consello ten unhas oficinas modernas e funcionais, conta ademais con laboratorio e sala de catas homologada con todas as novidades para este tipo de actos. Complétase o Centro cun espacio para o clube do viño, no que facer xuntanzas, conferencias e exposicións, tenda de viño e cafetería-tapería. O resto do edificio ocúpao un espacio expositivo novedoso que conxuga audiovisuais, fotografías, textos e estruturas que definen e fan sentir todo o que é Ribeira Sacra.
Para o Presidente do Consello Regulador José Manuel Rodríguez, a apertura do Centro supón unha gran ledicia, extensible a todo o sector e a toda a comarca. Considera o Presidente que este Centro debe de ser o nexo de unión de toda a Ribeira Sacra, lugar de encontro para as 3.000 persoas relacionadas directamente coa viticultura na D.O., 7.000 persoas que teñen algún tipo de vinculación co sector, e o resto de veciños e visitantes da Ribeira Sacra. Para José Manuel Rodríguez o Centro é resultado do traballo de todos e polo tanto debe de ser a casa de todos.
O Vicepresidente do Consello Regulador, Evaristo Rodríguez, entende que a posta en marcha do Centro supón unha gran satisfacción e sitúa á Ribeira Sacra no mundo da promoción. O Centro debe de ser porta de entrada e de saída da D.O. Considera que a Ribeira Sacra ten condicións extraordinarias pero hai que ensinarllas ao mundo e este é un gran paso a través dun paseo pola historia e a cultura do viño.
O Consello Regulador da DORS ten grandes esperanzas postas neste novo Centro e na Ruta do Viño da Ribeira Sacra que tamén este ano se irá facendo realidade.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: