O 15 de decembro celébrase en Pontevedra, na sede do Consello Regulador da Denominación da Orixe Rías Baixas, unha xornada titulada ??As posibilidades de mellorar a calidade dos viños mediante a innovación nos procedementos de xestión e control?.
A actividade servirá para presentar os resultados do proxecto piloto desenvolto na D.O. Rías Baixas polo Grupo de Enxeñaría de Organización da Universidade de Vigo en colaboración coa EVEGA, Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e o FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega)
O proxecto levouse a cabo en 10 adegas e estivo liderado polo Consello Regulador Rías Baixas, contando coa financiación da Consellería do Medio Rural e do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, procedente do Fondo Europeo Agrícola de
Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea.
A xornada do día 15 (con horario de 11:00 a 12:45) está aberta a directivos, responsables e profesionais do sector vitivinícola de Galicia e dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra fan un chamamento á participación dos adegueiros desta D.O. para ver a posibilidade de reproducir en Ribeira Sacra esta experiencia, consistente na implantación dun sistema de xestión da calidade deseñado á medida das adegas participantes, xa que permite dispor de ferramentas e procesos de xestión avanzada cun mínimo de recursos e estrutura.
A participación está limitada a 100 prazas polo que os interesados deberán inscribirse antes do 15 de decembro a través do correo electrónico: consejo@doriasbaixas.com. Na páxina web do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (apartado Congresos) poden atopar a ficha de inscrición e o programa.
Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España