Imprimir y PDF

Recompensa polo traballo ben feito

A D.O. Ribeira Sacra obtén 13 premios en Aosta

23/07/2010

O concurso celebrouse entre o 1 e 3 de xullo. A D.O. presentou 27 mostras correspondentes a 19 adegas, das 27 mostras, 12 resultaron premiadas, ademais vén, outra vez, para Ribeira Sacra o Premio Especial Cervim.
O certame establece os seguintes premios: gran medalla de ouro, medalla de ouro, e medalla de prata. Ademais reciben mención de honra os viños que obteñen máis de 80 puntos sobre 100.
A D.O. Ribeira Sacra conseguiu 10 medallas de ouro, superando substancialmente os resultados da pasada edición, que xa fora considerada un éxito.

As 10 medallas de ouro foron para:

Regina Viarum 2009 de Regina Viarum S.L. (subzona de Amandi)
Portelo 2009 de Terras de Líncora S.C.(subzona de Chantada)
Almalarga 2009 de Pena das Donas S.L. (subzona de Ribeiras do Miño)
Viña Regueiral 2009 de José Rodríguez Prieto (subzona de Amandi)
S.A.T. Virxe dos Remedios (subzona Ribeiras do Miño)
Don Bernardino 2009 de Emilio Rodríguez Díaz (subzona de Amandi)
Cardenal Rodrigo de Castro 2009 de Adega Soutelo S.L. (subzona de Amandi)
Adega Vella mencía 2009 de Jorge Feijoo González (subzona de Ribeiras do Sil)
Vía Romana de Adegas e Viñedos Vía Romana S.L. (subzona de Chantada)
Cividade 2009 de José Ramón Verao Pérez (subzona de Amandi)

Ademáis dous viños da D.O. recibiron tamén medalla de prata:

Décima 2009 de José Manuel Rodríguez González (subzona de Amandi)
Don Bernardindo 2007 de Emilio Rodríguez Díaz (subzona de Amandi)

O palmarés da Denominación de Orixe Ribeira Sacra este ano complétase co Premio Especial Cervim 2010 para Regina Viarum S.L. (subzona de Amandi), que xa o ano pasado se fixo con este prestixioso premio. Este recoñecemento outórgase a unha adega por país e é o resultado da suma das puntuacións obtidas polos distintos viños que presente cada adega.

En setembro representantes do C.R.D.O.R.S. acudirán a Aosta para recoller os galardóns que serán entregados aos destinatarios finais na comida de Nadal que todos os anos organiza o Consello Regulador.

O concurso de Aosta sempre dá grandes satisfaccións á D.O. Ribeira Sacra, alí os nosos viños compiten con centenares de viños de todo o mundo, todos eles coa peculiaridade de ser producidos en zona de forte pendente ou zona de montaña, é un xeito de prestixiar e diferenciar este tipo de viticultura. Cada ano os resultados da D.O. son espectaculares, e a melloría constante e progresiva dos viños que aquí se elaboran, pódese ver, entre outras cousas, no feito de que, cada ano, os viños de Ribeira Sacra obteñen mellores resultados neste certame. Polo momento o 2010 déixanos 13 premios para a D.O. e o número non nos fai ser supersticiosos para o futuro.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.