Imprimir y PDF

Catas de Viños da D.O. para profesionais e para o consumidor final

A D.O. Ribeira Sacra preséntase en Burgos

03/11/2012

A D.O. Ribeira Sacra,
A Asociación Centro Galego en Burgos e
A Federación de Empresarios de Hostalería de Burgos

organizan sesións de cata dos viños da Ribeira Sacra.

A actividade levarase a cabo no Centro Galego de Burgos (C/Burgense, 10, baixo) a xornada do día 8 de novembro. Haberá varias sesións de cata das que se encargará un técnico da Denominación. A cata central, aberta ao público, comezará ás 11.00 e está dirixida a profesionais do sector e hostalería, prensa e persoas interesadas. A actividade é gratuíta, pero o aforamento é limitado, polo que é necesaria confirmación de asistencia a través do teléfono 653 812 564..

Participan na iniciativa as principais adegas da Denominación, que ofrecerán aos representantes da hostalería burgalesa e aos cidadáns de Burgos, exemplos de viños ideais para acompañar calquera comida, viños cunha gran personalidade que conseguiron ter presenza nas mellores cartas do mundo. Con este tipo de actividades desde o Consello Regulador dase un paso máis na promoción, á vez que xeran novos mercados ao dar a coñecer os viños fóra do seu cliente principal, Galicia. Estas sesións de cata permiten ao participante achegarse de primeira man ás nosas propostas vitícolas e coñecer os viños resultado da Viticultura Heroica. A D.O. Ribeira Sacra pertence ao Cervim e está catalogada como viticultura de montaña, sendo un referente mundial deste tipo de viticultura, tal e como o avalan os premios que cada ano reciben os nosos viños na Cata Internacional de Viños de Montaña de Aosta.

Na D.O. Ribeira Sacra elaboramos tintos que teñen como base a uva Mencía e brancos que utilizan, principalmente, a uva Godello. Son viños frescos, equilibrados e atlánticos nos que se aprecia o ??terroir? propio do cultivo da vide en socalcos, nun espazo no que as condicións climatolóxicas son idóneas para a cepa. Os viños tintos da D.O. Ribeira Sacra son o referente dos viños tintos galegos e os nosos brancos foron evolucionando nos últimos anos ata conseguir elaboracións que foron cualificadas pola organización das Distincións Gallaecia como sorprendentes.

Desde fai anos xa, os viños da D.O. Ribeira Sacra aparecen nas guías de viños máis prestixiosas e, precisamente o pasado mes, catou os viños da Denominación, Neal Martin, crítico da guía The Wine Advocate, que na súa visita a Galicia unicamente se interesou por catar viños das adegas da D.O. Rías Baixas e da D.O. Ribeira Sacra.

O Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, anima a todos os amantes do mundo do viño a participar dunha proposta na que se achegarán a viños sorprendentes que trasladan a quen os beben a un territorio espectacular, os bancais milenarios da Ribeira Sacra.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: