Imprimir y PDF

Cata na D.O. Ribeira Sacra para as Distincións Gallaecia

16/07/2019

A sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra abría semana acollendo a cata para as Distincións Gallaecia, que organiza a Asociación de Sumilleres de Galicia, Gallaecia.  Despois das catas na D.O. Valdeorras e Monterrei, foi a quenda da D.O. Ribeira Sacra e seguiranlle as catas na D.O. Rías Baixas, Ribeiro e augardentes e licores. Na D.O. Ribeira Sacra presentáronse 96 mostras de 26 adegas, 64 de viños tintos, 27 de viños brancos e 5 de viños rosados. Os viños pertencían ás anadas 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018.

13 catadores distribuídos en dous paneis de cata, cataron “viños de mercado”, adquiridos directamente en tendas. O presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Aurelio Vázquez, destacaba da anada 2018 na D.O. Ribeira Sacra que, “son viños moi frescos, con moito equilibrio. A verdade é que me gustaron moito, tanto en tintos como en brancos, e os rosados, que se presentan como novidade son sorprendentes, moi ricos. Vaise notando nos viños a incorporación doutras variedades e iso failles gañar en complexidade, algo que pode faltar noutras Denominacións. A maiores, estes viños sempre se caracterizan pola súa tipicidade, esas particularidades que teñen segundo a subzona da que proveñan.”

Luis Paadín

Os viños coas mellores puntuacións pasarán á cata final das Distincións Gallaecia. As Distincións Gallaecia consolidáronse como un dos mellores concursos de viños do territorio español, o que fai que cada ano aumente a participación de viños nesta cita, con 1.200 viños catados. 

Estas catas serven tamén para confeccionar a “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2020” de Luís Paadín, onde se referencian a totalidade dos viños de cada D.O., con especial atención aos viños catados e mellor valorados. Este ano a Guía cumpre 8 anos e tentará completar a información sobre os viños, dando información sobre os municipios e a procedencia da uva. A Guía da que se editan 2.000 exemplares verá a luz en novembro. Un par de meses antes celebrarase a cata final das Distincións Gallaecia.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN: