Imprimir y PDF

Chega o “Mondial des Vins Extremes” e a D.O. Ribeira Sacra acode con 64 mostras

26/08/2020

O “Mondial des Vins Extremes”, o certame internacional máis importante no ámbito da viticultura de montaña ou viticultura heroica, que organiza o CERVIM no Val italiano de Aosta chega á súa cita anual. Tradicionalmente este certame desenvolvíase no mes de xullo, nesta ocasión a pandemia do coronavirus fixo que o Mondial des Vins Extremes pospoña a súa celebración unhas semanas e terá lugar entre o 27 e o 29 de agosto.

Os criterios que deben de cumprir as Denominacións para que os seus viños participen no certame deben de ser algúns dos seguintes: altitude superior a 500 metros, pendente do terreo superior ao 30% (en puntos da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en socalcos.  

A D.O. Ribeira Sacra é referente mundial do que se denomina viticultura heroica, denominación á que se chega por unhas condicións orográficas que non permiten a mecanización, viñedos de pequeno tamaño habitualmente organizados en socalcos; condicións climáticas adversas ou/e porque o viñedo atópase en zonas xeográficas con paisaxes de elevada beleza e cun carácter turístico.

Viñedos en socalcos na D.O. Ribeira Sacra

O CERVIM, promotor da cita, busca con ela valorizar a produción enolóxica desas terras que se caracterizan polas dificultades estruturais, pero tamén por viños singulares que teñen unha personalidade extraordinaria. O seu obxectivo é salientar as características únicas destes viños e dar a coñecer aos consumidores os aspectos culturais da viticultura de montaña e o valioso traballo que os viticultores fan para a posta en valor do territorio.

A D.O. Ribeira Sacra presenta este ano, 64 mostras, 53 de tintos e 11 de brancos, pertencentes a 36 adegas. Os bos resultados que a D.O. Ribeira Sacra obtén sempre en Aosta son un trampolín internacional para os seus viños e convertérona nun dos referentes mundiais máis importantes dentro da viticultura de montaña ou viticultura heroica.


CONTACTO

Enderezo: Comercio 6/8. Monforte de Lemos (Lugo). 27400 España

info@ribeirasacra.org (+34) 982 410 968

SíGUENOS EN:

Canale Ético.